
Os castros romanizados
Dende a prehistoria hai evidencias de que Brandomil estivo habitado. Moi cerca da ponte romana existe un castro amurallado. Ao outro lado do río e moi preto do lugar chamado Acalabanda (seguramente procedente de “aquela banda”, é dicir ao outro lado do río), está o segundo castro. Tal como recollen Evaristo Rodríguez e Xosé María Lema tal vez fose un posto estratéxico de defensa e vixilancia das minas, ao parecer de ouro e estaño que había nesta zona, tales como son o pozo de Limideiro, así como a zona de minas de Vilarcovo. Ambas as minas atópanse actualmente sen uso, sendo aínda así o pozo de Limideiro un lugar de excepcional beleza para poder pasear e pasar un momento de tranquilidade na súa contorna.


XX Per Loca Marítima
pasaba por Brandomil?
A XX Vía Romana do Itinerario de Antonino do século III é un dos percorridos máis coñecidos e segundo a maioría dos autores pasaba por Brandomil.
O itinerario de Antonino recompilaba todas as rutas do imperio Romano e a XIX e a XX eran as que pasaban por Galicia. As dúas saían de Braga, pasaban por Lugo e chegaban a Astorga, conectando ao litoral occidental as tres capitais. A vía Per Loca marítima recorría na súa totalidade, pero a outra introducíase cara o interior, o que facía que se marcase un camiño máis directo entre Lugo e Braga, a través da vía XIX.
Hai certo consenso nas mansións que había definidas nos tramos comúns, pero non o hai nos tramos que non o son, e precisamente nun destes está a mansión Grandimirum, situada pola maioría dos historiadores en Brandomil, entre outras cousas pola existencia de minas de ouro.
Ponte de Brandomil
Sen dúbida unha das xoias de Brandomil, polo menos das máis visibles, é a ponte.
Para definir a ponte de Brandomil imos recoller unha descrición realizada polo enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, Francisco Mérida Hermoso, no ano 1980, na revista Obras Públicas, na que fai referencia a cada un dos elementos da ponte de tal maneira: está formada por catro arcos de medio punto, e un deles é significativamente máis pequeno que os outros. Dous destes arcos teñen as arquivoltas das bóvedas refundidas no paramento de augas arriba, pasando isto en tres dos arcos de paramento augas abaixo. Este estilo atópase no románico do século XII, momento no que é habitual o emprego deste tipo de ornamento.
Os tallamares presentan xeitos triangulares augas arriba e trapezoides augas abaixo prolongándose por riba da rasante. Os enxeñeiros romanos coroaban os tallamares a metade da altura chegando ata o arranque dos arcos.
Polo contrario nas pontes medievais, os tallamares van por riba da calzada, polo que xuntando estas dúas peculiaridades lévanos a conclusión de que esta Ponte é de orixen romana, aínda que sufriu unha modificación drástica no século XII, e catalogouse polo tanto como Romana-Románica.
Sobre a Ponte de Brandomil hai moita literatura e historia. Está datada no primeiro século, e onstitúe o punto de encontro de dúas vías romanas, unha secundaria que saía da mesma Ponte e que enlazaba polo tanto coa “Per Loca Marítima”. Moitos estudosos, como é o caso de Ángel del Castillo, considerábana como unha das escasas pontes que se conservaron tal e como a deixaron os romanos, pero esta teoría é rebatida por outros historiadores.


Restos arqueolóxicos en Brandomil
A maioría dos historiadores e antropólogos sitúan a mansión de Grandimirum en Brandomil, pero hai algún outro, como é o caso do prestixioso Juan Naveiro, responsable das escavacións realizadas no 2008, que apuntan que en Brandomil había algo máis que unha mansión, chegando a haber indicios de un punto administrativo e facendo referencias a Brandomil como un dos enclaves romanos máis importantes do noroeste peninsular.
A importancia do asentamento súmase á proximidade do castro. O asentamento romano está ao norte do castro, baixo a actual aldea. Hai moitas testemuñas que afirman que é moi difícil atopar firmes para facer unha casa, pero que é moi habitual atopar pezas labradas, tégulas, anacos de columnas, capiteis e outros restos romanos con cunhas escavacións non demasiado profundas.
Entre moitos outros estudosos, Fermín Pérez Losada, sinala que en Brandomil saíron á luz importantes restos arquitectónicos: un capitel xónico, capiteis toscanos, fustes lisos, muíños circulares, tégulas, ladrillos e outros restos. Entre as zonas investigadas en Brandomil figura a zona chamada Pedra do Altar, cuxa denominación facía ver que podería ser esta a localización da primeira igrexa da parroquia.
A riqueza epigráfica de Brandomil tamén se destaca en diferentes publicacións, como por exemplo no Corpus de inscricións romanas de Galicia. I. Provincia da Coruña. Os restos atopados están vinculados coa morte, tales como son estelas e placas funerarias. Unha vez analizados estes elementos, detéctanse evidencias claras de núcleos de poboación de fóra da antiga Gallaecia, que habitaron Brandomil posterior ao século II despois de Cristo. A onomástica presente é latina, nalgún caso única na península Ibérica e outros nomes son gregos.