Xose María Lema Suárez (Bamiro-Vimianzo, 1950) é doutor en Historia da Arte e foi catedrático de ensino secundario.

Membro da AELG, da AGOn, do Seminario de Estudos da Costa da Morte e correspondente da RAG (2002), é autor de publicacións de temática diversa (historia, historia da arte, etnografía, lexicografía e onomástica) en forma de artigos en revistas, prensa e en libros. É coautor dos dicionarios de Edicións Xerais de Galicia: Dicionario Xerais da Lingua (1985), Pequeno Dicionario Xerais (1989), Gran Dicionario Xerais (2000) e do Dicionario dos Nomes Galegos (1992), dirixido por Ferro Ruibal. Tamén coordinou e dirixiu A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (Xerais, 2010). Recibiu o premio Pedrón de Ouro de Etnografía 1976 por Bamiro. Un estudio do hábitat rural galego, o Losada Diéguez de Investigación por A Arte Relixiosa da Terra de Soneira (1993) e o Reimóndez Portela de artigos xornalísticos (2010). A súa primeira novela, Costa do Solpor (Xerais, Narrativa, 2013), foi Premio da Crítica de creación literaria 2014.