Preito do convento de Santa Clara (Santiago) contra unha veciña de Brandomil, por impago da loitosa (1405)[1]

José VIADER SERRA (1975): El archivo del Monasterio de Santa Clara y estudio de su documentación durante el siglo XV; tese de licenciatura inédita dirixida por M. Lucas Álvarez; Universidade de Santiago de Compostela.
1405, 27 de marzo: “Pleito y sentencia dictada por Alfonso Fernandez Abril, justicia de Santiago, ante causa interpuesta por el monasterio contra Maria Fernandes moradora de San Pedro de Brandomin (sic), motivada por impago de luctuosa”.
«Fernan Eanes not[ario].
Sabeam todos que ante mi Afons Fernandes Abril / iustiçia en na çidade de Santiago comisario en este ne- / gocio adeante contiudo por carta de comison por Garçia / Sanches del Castillo alcallde en na corte de nosso Se- / nnor el Rey et seu Alcallde Mayor no regno de Galiça / scripta en papel et firmada de seu nome et seelada de / seu seelo proceso de pleito foy ante mi presentado o / qual primeyramente pasou et foy tractado ante o dito / Garçia Sanches alcallde entre a abadessa et convento do / moesteiro de Santa Clara da dita çidade de Santiago por / Fernan Gonçalus de Marçelle seu procurador de huna par-/ te demandantes et Maria Fernandes morador en na friigre-/ sia de San Pedro de Brandomin madre que disso que era / de Iohan Espada morador na dita fregresia da outra par-/ te defendente disendo o dito Fernan Gonçalus que o dito / moesteiro et convento del et seus antecesoras (sic) que foran / por los tempos esteveran et estavan en usso et costume /de tempo de çinqoenta sasenta sateenta annos eran pa – / ssados et mais de aver et levar huna loytosa de boy ou / de vaqa ou besta ou arqa de qualquer ome que se finasse / et fosse morador en no seu Couto et fregresia de San Pe- / dro de Brandomin. Et que agora podía aver hun anno pouqo / mays ou menos tempo que se finara o dito Iohan Espada / que era morador en no dito couto et friigresia. Et per-/ teesçendo a a dita abbadesa et convento do dito moestei-/ ro de aver et levar huna loytosa dos bees do dito Iohan / Espada que Gomes Gonçalus Marinno fillo de Gonçalus Ea-/ nes Marinno scudeyro que foy fora a o dito couto et to-/ mara hun boy que fora do dito Iohan Espada et que os / herdeiros do dito Iohan Espada non lles quería dar ou-/ tra loytosa disendo que o dito Gomes Gonçalus lles toma / ra o dito boy. Et pedia a o dito alcalde que mandasse a os ditos hereeiros do dito Iohan Espada que entregasse / a o dito moesteiro o dito boy por rason da dita loytosa / ou çento e sateenta morabedinos de moeda vella a que o / estimava o mandasse a os ditos Gomes Gonçalus que o de-/ sse et entregasse qual mais fosse a sua merced et que / pedia as custas.
Contra a qual demanda a dita Maria Fernandes disso / que o dito seu fillo Iohan Espada era fidalgo et que os / fillos-dalgo de qual couto que estavan en uso de sasseen-/ ta annos a aqui et mays de non pagar loytosa quando al-/ gunos d-eles finava salvo a o Sennor con quen vevia et / que ela pagara a dita loytosa por lo dito seu fillo a / o dito Gomes Gonçalus con quen enton vevia. Et o dito al-/ callde mandou a o procurador do dito moesteiro que a/ termino çerto provasse como a dita abadessa et conçe-/ llo do dito moesteiro avia de aver as loytosas dos mora-/ dores do dito couto. Et outrosy mandou a a dita Maria / fernandes que dentro no dito termino provasse antel co-/mo o dito seu fillo era fidalgo et estava el et os ou-/ tros fidalgos do dito couto en usso de non pagar as ta-/es loytosas salvo a o Sennor con que vevyan et como a / pagara a o dito Gomes Gonçalus por que provado livrasse / o que achasse por direito et mandoulles dar cartas de / reçeptorias et notarios et reçeptores ante que fezessen / as ditas provas. En nos quaes terminos as ditas partes / fezeron suas provadas et presentaronse con elas ante o / dito Garçia Sanches alcallde as quaes por el foron da-/ das por abertas et publicadas et asignoulles certos ter-/ minos a que dissessen contra ellas do seu direito aque-/ lo que diser et rasoar quessessen et que concludissen as / quaes partes disseron ante o dito Garçia Sanches absen-/ tousse d-este arçobispado a casa do dito Sennor Rey. Et / o dito Fernan Gonçalus en nome da dita abadesa et con-/ vento do dito moesteiro et Rodrigo Aras morador en Bar-/qala procurador da dita Maria Fernandes cada huna por / la parte por que viran paresçeron ante mi o dito Affons/ Fernandes alcalde et pedironme que tomasse o dito plei-/ to en no ponto et estado en que estava ante o dito al-/ callde Garçia Sanches et livrasse en el o que achasse / por dereyto. Et eu o dito Affonsso Fernandes a pedimento / dos ditos procuradores et por poder da dita carta do di-/ to Garçia Sanches tomey o dito pleito en no ponto et es-/ tado en que estava. Et asigney termino a as ditas partes/ a que dissessen do seu direito aquello que dizer quise-/ ssen. Et foy por los ditos procuradores tanto dito et ra-/ soado en no dito pleito ata que concludiron et carraron (sic)/ rasoes et pediron sentença. Et eu a seu pedimento ouve o / dito pleito por conclusso et asigney certo termino para / dar en el sentença. Et eu a seu pedimento ouve o dito pleito por conclusso et asigney termino para dar en el sentença segundo que esto et outras cousas mais / conpridamente son contiudas en no proceso do dito plei-/ to. Et a o termino por mi asignado presentes os sobre di-/ tos procuradores et sentença demandantes seendo en lu-/ gar de iulgar dey el ly por mi enscripto esta sentença / que se sigue. Et eu o dito Afonso Fernandes alcallde vist-/ to este proceso de pleito que ante mi foy presentado / por comisson do dito Garçia Sanches o qual tomei por / consentimento das partes en no punto en que estava ante o / dito Garçia Sanches et visto a demanda posta por parte / da dita abadesa et convento do dito moesteiro de Santa / Clara contra a dita Maria Fernandes et herdeiros do di-/ to Iohan Espada sobre rason da dita loytosa et a respos-/ ta da dita Maria Fernandes et todo aquelo que neçesario/ foy de veer avido sobre todo acordo et consello acho / provado assi por las testemoyas dadas en no dito pleito / por la dita Maria Fernandes como por las testemoyas do / dito moesteiro et convento de Santa Clara que as loyto-/ sas dadas en no dito couto de Brandomin assy dos fidal-/gos como no[n] fidalgos que son do dito moesteiro de Santa / Clara. Et que se alguns scudeiros ou sennores levaron as/ taes loytosas que as levaron por lo dito moesteiro por / rason que tinnan et collian as dereyturas del por lo di-/ to moesteiro. Por ende mando a a dita Maria Fernandes et / os herees [herdeiros] do dito Iohan Espada que de et entregue a o di-/to moesteiro de Santa Clara ou a seu procurador en seu / nome o dito boy de loytosa que lles perteeçese aver et/ levar por lo dito Iohan Espada fillo da dita Maria Fer-/ nandes contiudo en na demanda da dita abadesa et conven-/ to do dito moesteiro tal et tan been como ficou a a mor-/ te do dito Iohan Espada ou lle de et pague por el cento / et sateenta morabetinos de moeda vellas a que o estima-/ ron o qual mando que façan et cunplan doie (sic) a nove días / primeiros seguintes et condepno a a dita Maria Fernandes / et herees do dito Iohan Espada en nas custas direitas / feitas en este pleito por parte do dito moesteiro et re- / servo en mi a taxaçon de-elas et por minna sentença defe- / netiva et iulgo et mando todo assy en estes scriptos fi-/ cando a salvo a a dita Maria Fernandes et herees do di-/ to Iohan Espada que possan demandar tal loytosa et outra / qual quer persona se lla ……………. segundo que alegaron./
En na çidade de Santiago en na audiença das vesperas / viinte et sete dias do mes de março de mil et quatrocentos et cinqo / annos.
Testemoyas Goter Gomes Gonçalvo Peres Gomes de Ne-/vor scripvanos.
Fernan Eanes notario».
COMENTARIO DO CONTIDO DO DOCUMENTO
Trátase dun documento que para nós, os lectores actuais, resulta de non doada comprensión, pois está inzado de repeticións que hoxe en día nos parecen inútiles, unha tras doutra, seguramente para que o asunto quedase claro, pero que hoxe nos acaban mareando. Non existía daquela moita soltura na redacción, nin sequera entre os notarios ou escribáns, como se pode comprobar. Ademais, non hai signos de puntuación nin acentos gráficos, lóxico, pois non existía unha ortografía oficializada (o castelán, protexido polo Estado, aínda tivo que esperar ata o séc. XVIII, e aínda así non daría unificado a súa ortografía ata finais do séc. XIX).
Como indica o transcritor (José Viader) no encabezamento, trátase dun preito coa súa correspondente sentenza ante o xuíz de Santiago Afonso Fernandes Abril, interposto pola abadesa do convento (feminino) compostelán de Santa Clara contra Maria Fernandes, nai de Iohan Espada e outros herdeiros, veciños de San Pedro de Brandomil, motivado por impagamento da loitosa.
A loitosa (castelán luctuosa) era un dos impostos feudais máis inxustos e inhumanos. Xa se aclara no mesmo documento en que consistía: cando morría un cabo de casa, os seus herdeiros tiñan que pagarlle ó señor do feudo unha “indemnización” en forma da mellor cousa de catro pés que houbese na casa (un boi, unha vaca ou unha besta, ou algo equivalente; aquí fálase dunha “arqa” [arca]).
Neste caso, o cabo de casa, aforado do convento de Santa Clara, era Iohan (Xoán) Espada, e quen estaba obrigada a pagar a loitosa era a súa nai Maria Fernandes (e herdeiros), moradora -coma o seu fillo- da parroquia de San Pedro de Brandomil (Brandomin no documento).
A demandante era a abadesa de Santa Clara, da que non consta o nome, mediante o seu procurador Fernan Gonçalus de Marçelle. Este aduce que estaban en “uso e costume” de “cincuenta, sesenta ou setenta anos atrás” de ter “huna loytosa de boy ou de vaqa ou besta ou arqa de qualquer ome que se finasse et fosse morador en no seu Couto et fregresia de San Pedro de Brandomin”, e que xa había máis ou menos un ano que finara o citado Xoán Espada, morador do couto e freguesía, que non se lle fixera efectiva.
Despois aparece algo un tanto confuso, no que se di que Gomez Gonçalus Marinno, fillo de Gonçalus Eanes Marinno (escudeiro que fora deste couto de Brandomil) tomara un boi que fora de Xoán Espada, e que os herdeiros deste non lle querían dar outra loitosa debido a que Gomes Gonçalus xa lles levara o boi.
Pedía ó alcalde (Garcia Sanches) que mandase ós herdeiros de Xoán Espada que entregase ó mosteiro de Santa Clara a loitosa ou 170 marabedís [morabetinos] de moeda vella e que mandase a Gomes Gonçalus que o dese e entregase “á súa merced” (o alcalde?) e que tamén pagase as custas. (bastante confuso)
Contra a demanda da abadesa, Maria Fernandes de Brandomil aduce que o seu fillo era fidalgo “et que os fillos-dalgo” do couto non pagaban a loitosa desde había 60 anos, e que tampouco a pagaban ó faleceren cando estaban co señor co que vivían. O señor co que vivía Xoán Espada era Gomes Gonçalus, e que ela lle pagara a loitosa a este.
O alcalde mandoulle ó procurador do mosteiro que probase que a abadesa tiña dereito a percibir as loitosas do couto de Brandomil.
E tamén mandou a Maria Fernandes que probase que o seu fillo era fidalgo e que el e outros fidalgos do couto de Brandomil estaban exentos de pagaren as loitosas salvo ó señor co que vivían (Gomes Gonçalus), e como se pagaran a este señor (con cartas de notarios para ditas probas).
As dúas partes presentaron probas ante o alcalde Garcia Sanches. Este pasoullo “por comisson” a Afonso Fernandes, co consentimento das dúas partes.
Fernan Gonçalus en nome da abadesa, e Rodrigo Aras “morador en Barqala”, procurador de Maria Fernandes compareceron ante Affonso Fernandes “alcalde” (que exerce de xuíz), e pedíronlle que tomase o preito no punto en que estaba ante o (anterior) alcalde Garçia Sanches e decidise (“livrasse en el o que achasse por dereyto”). O novo xuíz reclamou das dúas partes que expuxesen as súas razóns. Así o fixeron e pediron sentenza.
O veredicto do xuíz é contrario á veciña de Brandomil, María Fernandes e demais herdeiros de Xoán Espada: condénaos a entregar ó mosteiro de Santa Clara ou ó seu procurador o boi da loitosa ou que se lle pague 170 “morabetinos de moeda vella”, en menos de nove días; ademais, condena a María Fernandes e herdeiros de Espada ó pagamento das custas deste preito.
A LINGUA GALEGA NA IDADE MEDIA
Como se ve este documento do ano 1405 está redactado en lingua galega medieval, e é unha proba máis de que a nosa lingua se usaba na Idade Media, polo menos desde o séc. XIII ó XV (mesmo nas dúas primeiras décadas do séc. XVI) para todo tipo de documentos administrativos, coma este que nos ocupa: un preito. Unha demostración máis de que era un idioma normalizado, aínda que xa no séc. XV se empeza a introducir o castelán por medio de nobres e altos eclesiásticos foráneos, procedentes do reino de Castela. Nestes momentos era arcebispo de Santiago o castelán don Lope de Mendoza (1399-1445).
Na alta Idade Media, ata ben entrado o séc. XIII, os documentos redactábanse en latín, en Galicia e en todas partes. A mediados do séc. XIII, como a xente xa non entendía ese latín, os escribáns empezaron a redactalos nas linguas romances (as derivadas do latín): o galego en Galicia -e en Portugal, pois aínda que se independizara de Galicia no séc. XII o idioma era o mesmo-, en Castela en castelán, en Cataluña en catalán etc. O latín seguiuse utilizando, pero cada vez menos. A sociedade galega, do máis poderoso nobre ou dignidade eclesiástica ó máis humilde vasalo, era monolingüe en galego, de xeito que, loxicamente, se redactaban neste idioma as leis, as cartas forais, os preitos, os testamentos, disposicións dos concellos das vilas e cidades etc. Como xa dixemos, só a partir do séc. XV empezaron a redactarse documentos en castelán, que se acabarían xeneralizando en canto os Reis Católicos dominen a finais da centuria a nobreza galega rebelde e o castelán se acabe impoñendo na escritura, pois na fala diaria tanto o pobo coma a fidalguía dos pazos -que permaneceu en Galicia- continuaron usando o idioma de Galicia. Para ser notario ou escribán había que aprobar un exame de escritura en Castela; xeralmente había que ir a Toledo.
Un pouco de historia previa
Ata ben entrado o séc. XII o reino de Galicia comprendía todo o norte de Portugal. Co rei D. García (1065-1071) chegaba polo sur ata o río Mondego (ó sur de Coímbra). O rei Afonso VI de Galicia, León e Castela, para gobernar mellor os seus reinos, nomeou condes de Galicia -de todo o territorio galaico, que daquela chegaba ata Coímbra- a súa filla Urraca, casada con Raimundo de Borgoña, nobre francés que viñera axudar militarmente o rei. Poucos anos despois decidiu que a parte de Galicia ó sur do río Miño fose gobernada pola súa outra filla Tareixa, a quen casou con outro nobre francés, Henrique de Lorena: foron os condes de Portucale (nome nacido dos antigos nomes das cidades -daquela aínda galaicas- do Porto e de Gaia, na desembocadura do río Douro).
O fillo da primeira parella, Afonso Raimúndez, sería o futuro Afonso VII, o emperador dos reinos de Galicia, León, Castela e Toledo (conquistado ós árabes). O fillo da segunda (Afonso Henríquez) sería o 1º rei de Portugal, ó lograr converter definitivamente o condado en reino no ano 1179.
A pesar da separación en Galicia e no novo reino de Portugal seguíase falando un mesmo idioma, que se algún nome tiña era o de galego (como aparece nun documento de 1290 escrito en occitano). A primeira vez que se lle dá nome de portugués ó idioma que se falaba no novo reino de Portugal é aínda en 1430.
Con todo, empeza a haber diferenzas na escritura entre os documentos que se escriben ó norte e ó sur do Miño. Deste xeito, a mediados do séc. XIII, por mandato do rei de Portugal Afonso III o Bolonhés implántanse na ortografía dos documentos deste reino os dígrafos –lh– e –nh– (filho, ninho) para resolver a anarquía de formas que tiñan os escribáns para reproduciren as consoantes palatais lateral e nasal (para entendérmonos, os sons do “elle” e do “eñe”). Afonso o Boloñés, aínda que neto de Afonso o Sabio, era francés, e limitouse a impoñer as grafías do idioma occitano ou provenzal do sur de Francia, moi de moda na época polos trobadores da Provenza.
A ONOMÁSTICA E A TOPONIMIA DO DOCUMENTO
Aparecen oito nomes propios distintos de home e tan só un de muller (Maria, a denunciada pola abadesa de Santa Clara, da que non se cita o nome). María é nome común a galego e castelán. No tocante ós nomes masculinos, catro deles teñen forma netamente galega: Afons (que aparece con variantes: Affons, Afonso e Afonsso); Iohan; Goter e Gonçalvo. Os outros catro nomes son coincidentes co castelán: Garçia, Gomes, Fernán e Rodrigo. Na etapa medieval os dous primeiros eran habituais como nomes propios (lémbrese o rei D. García de Galicia, do séc. XI); hoxe tan só aparecen como apelidos. No remate do documento aparece abreviado o nome en latín de Cristo (Ihu. Xristo).
No tocante ós apelidos, no relativo ós patronímicos na Idade Media os fillos herdaban o nome do pai engadíndolle o sufixo -ez (co significado de ‘fillo de’). Fernández ‘fillo de Fernando’; Sánchez ‘fillo de Sancho’. Aquí o sufixo é sempre -es, que respondía á verdadeira pronuncia seseante: Fernandes, Sanches, Gonçaluz (fillo de Gonçalvo; aquí, forma ben rara, por debera ser Gonçalvez), Eanes (< latín Iohannes, ‘fillo de Xoán’). Aparece tamén o apelido Marinno (Mariño), propio dunha familia nobre galega do séc. XIV, que, segundo a lenda, descendía dunha serea mariña (de aí o nome). Tamén aparece un Espada, que debe vir dun sobrenome ou alcume guerreiro; un Aras (que pode ser variante de Arias ou Airas) e un estraño Nevor O segundo apelido do comisario Afons Fernandes Abril era nome propio na Idade Media (en Santiago existe a rúa de Don Abril Ares). O segundo apelido do alcalde Garçia Sanches del Castillo pode indicar que procedía dunha familia do reino de Castela.
Aparecen escasos topónimos. O nome do reino aparece aparece unha única vez, coa forma Galiça. O da parroquia aparece tres veces, coa forma Brandomin -unha forma que se rexistra noutros documentos medievais- e a cidade de Santiago dúas (sen o acompañamento de Compostela, por certo), xunto cos mosteiros composteláns de Santa Clara e de San Francisco. Os outros dous topónimos que se citan (Marçelle e Barqala), pertencen a parroquias do Val de Barcala.
COMENTARIO Á ORTOGRAFÍA DESTE DOCUMENTO
Por Xosé Mª Rei Lema [2]
No territorio do reino de Galicia -xa reducido máis ou menos ao actual- non se aplicou a norma imposta en Portugal polo rei Afonso o Bolonhés, de utilizar os dígrafos de orixe occitana de –lh– e –nh– para os sons do “elle” e do “eñe”. Aquí tanto un coma o outro son representáronse de formas variadas: para o primeiro: l, ll, li, ly, lh; para o segundo: n, nn, ni, ny, ng, nh.
No presente documento o son do “elle” represéntase como –ll-, coma na ortografía actual do galego (fillo, mandoulles, asignoulles etc.) e o do “eñe” por –nn- (sennores, Marinno, minna…). Con todo, figuran no texto as formas anno e annos, que non se deben a unha pronuncia palatal nasal, senón a un resto talvez máis gráfico ca fonolóxico da evolución do latín annus ao galego ano.
A distinción entre a oclusiva bilabial sonora (grafada como –b-) e a fricativa (grafada como –v-) foi outro aspecto no que o galego e o portugués tomaron camiños dispares. (Para entendérmonos: os galegos pronunciamos igual os “bes” e os “uves” e no portugués, polo menos o oficial, non, pois o “uve” pronúnciase case coma un “efe”). Boa mostra disto atopámola nos textos galegos, que presentan xa desde ben cedo unha vacilación ortográfica entre b/v, o que indica xa a neutralización fonolóxica destes dous sons. Neste documento mantén unha certa coherencia e utiliza o v para a desinencia das formas verbais do imperfecto (estavan, finava, estimava…). É uniforme tamén o uso do v nas distintas formas verbais de aver (aver, ouve, avido), provar (provasse, provado) ou vevir (vevia, vevyan), e en substantivos como provas ou scripvanos, e do b en abadessa, morabedinos ou arçobispado. En canto ó grupo br o escribán inclínase por utilizar maioritariamente o b (Abril, Brandomin), aínda que tamén hai unha excepción (livrasse).
Do mesmo xeito, a vacilación na representación gráfica das sibilantes sonoras e xordas (-s-, –ss-, –ç-…) pode ser indicio da iniciación do enxordecemento das sonoras no noso territorio. Concretamente, no referente ás fricativas ápico-alveolares xordas e sonoras, apreciamos no texto a súa vacilación, con pares como abadessa/abadesa, comisson/comison, usso/uso, sasseenta/sasenta… Aínda que na maioría dos textos galegos a partir do século XV se foi abandonando o -ss- intervocálico en favor do -s-, aquí comprobamos que se mantén en gran parte das formas. Dentro das sibilantes, tamén apreciamos no texto o uso case exclusivo da grafía da letra chamada ‘cedilla’: ç (no canto de z ou c + e,i), algo que era habitual nos textos galegos desde a segunda metade do século XII para representar a consoante africada predorso-dental-alveolar xorda (çidade, Gonçalus, reçeptoras, março…), que despois se había transformar en fricativa predorso-dental xorda (pola contra: antecesoras, proceso, cinqo, razoado, e mesmo tamén rason, rasoar, diser). A pesar da escasa presenza no documento, podemos comprobar o uniforme uso do i para representar a consoante fricativa prepalatal (o que agora representamos coa letra -x-): Iustiçia, Iohan, iulgar, doie…
Representacións gráficas que nos poden sorprender hoxe en día son as que o autor usa algunha vez para a consoante oclusiva velar xorda, pois aínda que maioritariamente emprega a grafía c, tamén aparecen frecuentes casos coa grafía q: pouqo, Barqala, cinqo, arqa, quatrocentos…
Outra forma sorprendente é o uso dun h- inicial acompañando os artigos indeterminado hun e huna. A súa presenza era habitual nesta época, non só nos artigos indeterminados, senón tamén nos determinados -algo que non ocorre neste texto-. Con todo, temos que analizar a forma feminina huna, pola representación da súa consoante nasal (que hoxe facemos como unha, cun son velar). Posiblemente o galego medieval, ao igual que o latín, non coñecían aínda o son velar (ou cando menos iniciouse na época final da Idade Media), o que fixo que seguise representándose como unha alveolar máis. Non sería ata o século XVII cando aparecen os primeiros exemplos de unha para marcar a representación do son velar.
Outras formas que lles presentaron problemas de representación ós escribáns desta época foron os ditongos románicos, por canto eran innovacións fronte ó latín. No texto de Brandomil os que presentan disparidade de criterio son os ditongos ai e mais ei, incluso no mesmo termo. Así, para o primeiro só temos o caso de mais/mays, mentres que son máis abondosos os exemplos do segundo: direito/dereyto, scudeyro/scudeiros, tomey/tomei, e outros como asigney, primeyramente, moesteiro, herdeiros, feitas… O ditongo oi aparece sempre representado como oy, tal e como apreciamos na repetida forma loytosa, e noutras como boy, foy… Os demais ditongos figuran coas grafías que hoxe temos por habituais: eu, ou…
A perda do –N– e do –L– intervocálicos no galego e no portugués é a principal característica destas linguas fronte as outras románicas. A súa caída foi moi antiga no tempo, e como tal non aparecen formas con estas consoantes no noso documento, pero apenas atopamos aínda nel a crase das dúas vogais en contacto resultantes: adeante, moesteiro, friigresia (mais tamén fregresia), perteesçendo… Neste aspecto destacan as formas taes e quaes que perderon o -l- intervocálico na formación do plural, algo que se mantería no portugués mais non así no galego actual.
A contracción das preposicións é outro asunto que podemos subliñar. Así, temos que a preposición de contrae sempre co artigo determinado (do, da, dos, das), e non así co indeterminado (de huna), e cos pronomes persoal e demostrativo márcase a contracción cun guión (d-eles, de-elas, d-este). A preposición en polo xeral non contrae nunca, salvo casos esporádicos (no, na), mais no resto dos abondosos exemplos presenta unha representación que invita a pensar nunha contracción na fala mais que o escribán representa de distinto xeito fronte á preposición de; velaí os exemplos: en na, en no, en nos, en nas. O que non se marca con esta preposición é a súa contracción cos pronomes (en el, en este). A preposición a non contrae co artigo na escrita, e temos sempre as seguintes representacións: a a, a o, a os, a as. De igual modo, a preposición por non aparece contraída cos artigos no texto, mais a súa representación tamén nos pode querer amosar unha contracción na fala (coa perda do son vibrante): por lo, por la, por los. Por último, hai que sinalar unha curiosa contracción: antel (ante + el) no único caso existente, que, non obstante, non se dá entre a mesma preposición e o artigo (ante o). Para rematar coas preposicións, simplemente queriamos chamar a atención sobre a forma ata, no único exemplo presente no texto.
A conxunción copulativa et é a forma maioritaria no texto (un único caso de e), aínda que se trate só dunha representación gráfica, pois na fala non se reproducía o son consonántico. Era este un resto da escrita latina, como o pode ser o sc- inicial (scripta, scudeyro, scrivanos…). Por último, debemos sinalar o uso do sufixo -es en todos os patronímicos que aparecen no presente documento: Fernandes, Sanches, Gomes, Peres, Eanes.
[1] Seguimos a transcrición realizada por José Viader Serra en 1975. Agradecemos á Fundación Brandomil a localización deste documento.
[2] Xosé Mª Rei Lema é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC. Agradecemos a súa colaboración.