Toponimia de Zas – Colección Terra Nomeada por Xosé María Lema Suárez

Toponimia de Zas – Colección Terra Nomeada por Xosé María Lema Suárez

A Real Academia Galega, dentro da Colección Terra Nomeada ben de publicar o libro Toponimia de Zas. O académico e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, e tamén membro do Consello Asesor da Fundación Brandomil, Xosé María Lema Suárez, é o autor desta obra de referencia que afonda na evolución dos nomes dos lugares do Concello de Zas, entre eles os pertencentes a parroquia de Brandomil

Pódese descargar esta obra de Xosé María Lema Suárez no seguinte enlace:

Descargar

REAL ACADEMIA GALEGA-ISBN-13 (15) 978-84-17807-50-4
Número de depósito legal (17) C. 1549-2025

Os camiños de Santiago de Europa a Galicia: Lugares, nomes e patrimonio

Os camiños de Santiago de Europa a Galicia: Lugares, nomes e patrimonio

A Real Academia Galega acaba de publicar este volume na que se analiza a toponimia do Camiño de Santiago. Co título, “Topónimos con historia do camiño de Santiago a Muxía”, o noso compañeiro Xosé María Lema Suárez estuda nomes desta ruta que pasaba pola Ponte de Brandomil, como son A Baña, Brandomil, Limideiro, Brandoñas, Baiñas e Berdoias, entre outros.

Podes descargar o texto completo do artigo de Xosé María Lema Suárez aquí:

“Topónimos con historia do camiño de Santiago a Muxía”
REAL ACADEMIA GALEGA-ISBN-13 (15)-978-84-17807-19-1-
Número de depósito legal (17)-C 2126-2022

Mandas testamentarias de Pedro Eanes, que marcha en peregrinación, relativo á súa herdanza en Quintáns e Aspio (S. XIII)

Mandas testamentarias de Pedro Eanes, que marcha en peregrinación, relativo á súa herdanza en Quintáns e Aspio (S. XIII)

Seguimos a transcrición de Gallaeciae monumenta histórica, B – Tombo fº 49r (Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela). Agradecemos á Fundación Brandomil a súa localización.

Ano 1203 (27 de xuño)

«Testamentum Petri Iohannis de hereditate de Quintanis et de Aspii.

Hec est ordinatio \quam ordinauit/ Petri Iohannis de sua peregrinatione in qua uoluerit ire si obierit. In primis mando monasterio Sancti Justi duos homines cum suas populationes, vnum in Quintaas et alio in Aspii, Dominico de Uazas et Petrus Iohannis; et mando quod Petrus Iohannis dictus Polegada nunca se poblou cum mihi, et quando uoluerit se quitare de uobis mando que dedis a ipsa mea germana IIIa de ganado et medietate de pane, et mando sacare abbatem Petrum de Sancti Iusti quantas debitas mihi debent, et cetera. Et mando abbatem don Petrus Martini mea bona et pro compli\to/re de meo testamento de mea hereditate et de meo habere. Siquis contra hoc meum testamentum ad irrumpendum uenerit pectet solidos D a penam regione et testamentum meum sit.

Era Ma CCa XLIa et Vo die kalendas julii.

Qui: Don Bertolomeo, presbiter de Brandimir. Petrus Petri, subdiaconus de Brandimir. Romanus de Folente.

Don Petrus Moogo. Don Petro Bono de San Cosme. Mathie Iohannis interfui».

Testamento de Pedro Eanes (ou Oanes), relativo á súa herdanza de Quintáns e Aspio

Tradución de Juan Félix Neira Pérez[1]

Esta é a orde que ordenou Pedro ‘fillo de Xoán’ (=Eanes ou Oanes) en relación á súa peregrinación, na que quixo ir, por se morrese. En primeiro lugar, mando ao mosteiro de San Xusto a dous homes coas súas poboacións, un de Quintáns e outro de Aspio, Domingos de Vazas e Pedro Eanes (ou Oanes); e mando que Pedro Eanes (ou Oanes), chamado Polegada, nunca se poblou comigo[2], e cando quixese quitarse da vosa autoridade, mando que deades da miña irmá mesma unha cuarta parte de gando e media de pan, e mando sacar ao abade Pedro de San Xusto cantas débedas se me deben etcétera. E mando ao abade don Pedro Martiz os meus bens e como cumpridor do meu testamento, da miña herdanza e do meu haber. Se alguén comparecese para romper este meu testamento, pague 500 sólidos como pena, e cúmprase o meu testamento.

Era Mª CCª XLIª e quinto día das calendas de xullo.

Presentes: Don Bartolomeu, presbítero de Brandomil. Pedro Pérez, subdiácono de Brandomil. Román de Follente. Don Pedro Moogo. Don Pedro Boo de San Cosme. Matías Eáns estivo presente.

 

 

 

COMENTARIO Ó CONTIDO

Xosé Mª Lema

O 27 de xuño de 1203 Pedro Eanes (ou Oanes), posiblemente veciño de Brandomil, marcha de peregrinación voluntaria (“in que uoluerit ire” ‘na que quixo ir’) e fai testamento por se nela morrese (“si oberit”).

Non se indica a condición do testador, se era leigo ou eclesiástico. Non se entenden moi ben as súas mandas testamentarias (“mando ao mosteiro de San Xusto [de Toxos Outos] a dous homes coas súas poboacións”); tampouco a relación entre o testador Pedro Eanes e outro citado co mesmo nome, alcumado Polegada. Como en testamentos anteriores, a relación dos habitantes de Brandomil co mosteiro de San Xusto de Toxos Outos segue sendo estreita, ata o punto de que o testador nomea testamenteiro ó abade deste convento, Pedro Martiz.

A onde pretendía peregrinar o testador?

Non sabemos a onde pretendía peregrinar o testador, pois non se cita o lugar.

Na época tres eran os lugares principais de peregrinaxe da cristiandade: Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela.

Desbotamos Compostela, dada a súa proximidade, pois para unha viaxe de arredor de 40 km, na que podería chegar na mesma xornada a cabalo, non tiña tanto perigo de morte como para facer testamento.

Tería que ser, polo tanto, a un centro de peregrinación moi afastado, pois inicia o camiño en pleno verán, a finais de xuño e principios de xullo, a estación máis propicia do ano para emprender viaxes longas.

Podería ser un santuario dos reinos cristiáns do norte peninsular -ademais do de Galicia, os de León, Castela, Navarra, Aragón…- ou do de Francia, moi rico en santuarios de peregrinación.

Podería ser a Roma, o centro da cristiandade, á tumba de san Pedro, residencia do papa (Inocencio III, naquel momento).

Podería ser a Xerusalén e a Terra Santa, para visitar os Santos Lugares nos que vivira mil douscentos anos antes Xesús Cristo.

Sen dúbida o destino máis perigoso era, naqueles momentos, este último, pois tanto a cidade de Xerusalén como toda Palestina estaban, desde finais do séc. XII, en poder dos musulmáns. O único resultado positivo da terceira cruzada fora o acordo de 1192 do rei cruzado inglés Ricardo Corazón de León co sultán Saladino de permitir o acceso de peregrinos cristiáns a Xerusalén desde Tiro por unha estreita faixa costeira de terra.

Pero Xerusalén seguía sen ser reconquistada, e iso incomodaba moito ós papas. Destes xeito, en 1198 o pontífice Inocencio III convocou a cuarta cruzada con este obxectivo.

Os chamados Santos Lugares, onde vivira Cristo, quedaban moi lonxe, no extremo oriental do Mediterráneo, pero non sería a primeira vez que algún galaico viaxase ata alí. Lembremos que a finais do séc. IV, entre os anos 381 e 384, unha muller nobre galaica chamada Exeria, talvez emparentada coa corte imperial romana, viaxara da provincia da Gallaecia a Palestina e deixara por escrito detalles da súa viaxe. Nela describe nun itinerario (Itinerarium Egeriae) os lugares polos que pasou con datos topográficos, litúrxicos, eclesiásticos e filolóxicos. Este itinerario -que se desenvolveu pola banda norte, a europea, do Mediterráneo- constitúe a primeira guía de viaxes coñecida. Exeria, unha das primeiras mulleres escritoras da historia, escribe como fala, no latín vulgar da Gallaecia, e nel detéctanse modismos tan galegos como “levar os nenos no colo”.

Pola ruta sur do Meditarráneo fora a Terra Santa o seu contemporáneo Paulo Orosio, presbítero galaico nacido en Braccara (Braga) ou en Brigantia (A Coruña). Fuxindo da invasión dos suevos, no ano 414 atópase no norte de África, en Hipona, para estudar xunto con santo Agostiño, e este envíao a Xerusalén para combater a herexía pelaxiana. Volverá pasar por Hipona á volta, onde escribirá os sete libros da Historia contra os pagáns, unha historia de carácter universal con abundantes referencias a Gallaecia.

Non é impensable que o testador (brandomilés?) Pedro Eanes (ou Oanes) desexase visitar Terra Santa, a pesar do perigo que iso representaba, dado o estado de guerra que había desde 1198. Na Idade Media unha das máximas preocupacións era a salvación da alma. Ningún reino cristián peninsular participou nesta cuarta cruzada (nin nas outras), pero iso non impedía que alguén, cabaleiro ou eclesiástico, pola súa conta e risco se decidise a viaxar confiando en que os exércitos cristiáns europeos lograsen conquistar Xerusalén. A promesa papal de que quen morrese na loita contra os “infieis” musulmáns na loita pola recuperación dos Santos Lugares ía dereitiño ó Ceo movía a moitos a arriscarse.

Esta cuarta cruzada foi un completo fracaso dos exércitos cristiáns, que acabaron pelexando entre eles. A expedición militar nin sequera se achegou a Palestina: variou o seu rumbo e rematou en 1204 coa conquista e saqueo polos cruzados da cidade de Constantinopla, capital do imperio bizantino e sé da Igrexa ortodoxa.

 

ONOMÁSTICA E TOPONIMIA[3]

O principal protagonista é o testador Petrus Iohannis ‘Pedro, fillo de Xoán’; é dicir: Pedro Eanes (ou Oanes que, xunto con Anes, son os apelidos estándares modernos resultantes do latín Iohannes). Como xa dixemos noutro comentario anterior, na Idade Media os apelidos patronímicos formábanse a partir do nome de pía do pai. Eanes era un apelido corrente na Idade Media, e particularmente no séc. XIII: entre os famosos que o levaron atópase o trobador Afonso Eanes do Cotón, talvez natural de Negreira[4], localidade bastante próxima a Brandomil. Oanes é un apelido hoxe case circunscrito ó concello de Vimianzo[5], ben soneirán polo tanto.

Hai outro individuo do mesmo nome e apelido que a maiores leva o alcume de Polegada (= Polgada actual), o que indica que debía ser un home de escasa estatura[6]. Nos documentos medievais tamén se rexistra puligar ‘polgar’.

Co mesmo apelido figura unha das testemuñas: Matías Eanes (ou Oanes).

Consta o nome do abade de San Xusto, Petrus Martini ‘Pedro, fillo de Martiño’; é dicir: Pedro Martiz ou Martís, que, como xa temos indicado en comentarios anteriores, é o apelido galego correspondente ó castelán Martínez. Hoxe pareceranos raro, pois hai poucos galegos así apelidados, dado que a partir do séc. XVII triunfou a forma castelanizada. Compárese co portugués Martíns, que, aínda que pouco frecuente en Galicia, tamén é forma galega.

Como testemuñas das mandas testamentarias figuran o sacerdote de Brandomil Don Bartolomeu -seguramente o párroco-, do que non se cita o apelido, e o subdiácono Petrus Petri ‘Pedro Pérez’, da mesma freguesía.

Chamamos a atención sobre a testemuña Don Petrus Moogo ‘don Pedro ou Pero Moogo’, pois tanto o nome como o apelido coinciden cos dun coñecido trobador galego de finais deste mesmo séc. XIII. A prestixiosa investigadora xermano-portuguesa Carolina Michäelis de Vasconcelos (1851-1925) precisaba que este trobador ou xograr vivía en 1271 e que o seu apelido -tamén grafado Meogo- procedería da palabra latina monachus ‘monxe’[7]. Deste xeito, sería Pedro o Monxe. En base á documentación da catedral de Santiago o profesor J.A. Souto Cabo identifica o Pero Moogo xograr -famoso por introducir a simboloxía do cervo nas cantigas de amigo- cun crego do actual concello de Teo[8].

Don Petro Bono pode traducirse por Pedro Boo (ou Bo), apelido aínda existente en Galicia -pórtano arredor de 1720 persoas[9]– que en orixe denotaría a condición bondadosa da persoa que o levaba. Polo que se indica, este era veciño da parroquia de San Cosme de Antes.

Con apelidos de orixe toponímica temos a Román de Follente e a Domingos de Vazas.

O nome de lugar de Follente procede de *(VILLA) FULGENTII ‘vila ou granxa de Fulxencio’, o seu primitivo dono. San Pedro de Follente foi parroquia independente ata 1870, data en que quedou incorporada a Mira.

Quintáns é un lugar da parroquia de Brandomil. Procede da voz latina QUINTANA, feminino do adx. QUINTANUS (e este derivado do ordinal latino QUINTUS); podería significar ‘praza pequena no campo, mercado’. Tamén podería ser unha *CASA QUINTANA ou *VILLA QUINTANA, co significado de ‘casa señorial’, e hai quen fala do significado de ‘quinta parte dunha produción agrícola pagada como renda’, ou, sinxelamente, ‘herdade, predio rústico’.

Sonnos totalmente descoñecidos os nomes de lugar de Uazas (Vazas) e Aspio. A filóloga Luz Méndez pensa que Uazas debe referirse a Banzas, lugar da parroquia de Santo Ourente de Entíns (Outes). Seguramente foi un erro de transcrición, por omisión do til de abreviatura de <n> de Banzas. Estamos totalmente de acordo con Luz, pois outro documento do tombo de Toxos Outos, datado en 1260, cita a outro -supoñemos que non será o mesmo- Dominicus de Vanzas.

Sobre Aspii, a propia Luz Méndez xa ten máis dúbidas: “Aparece varias veces en textos [do tombo] de Toxosoutos, pero hai un fragmento en que se di «en Riba de Sar un casal en Ual Booa a par d’Aspii», polo que penso que non se debe descartar que se refira ó actual Espai (Herbogo, Rois), parroquia próxima á de Ribasar, no mesmo concello”.

 

 

 

 

 

[1] Juan Félix Neira Pérez, ademais de escritor e historiador da arte, é profesor de Filoloxía Clásica no IES Eduardo Pondal de Ponteceso. Agradecémoslle a súa colaboración.

[2] O sentido non é doado, pois ademais a frase “nunca se poblou” aparece como tal en galego, e non en latín (nota do tradutor).

[3] Agradezo a axuda que me prestaron neste capítulo as doutoras en Filoloxía Luz Méndez e a Ana Isabel Boullón, membros do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.

[4] Afonso Eanes do Cotón mantivo unha intensa actividade trobadoresca nas cortes de Fernando III e Afonso o Sabio (séc. XIII); consérvanse del catorce cántigas de escarnio e maldicir, dúas de amigo e dúas tenzóns, as dúas con Pero da Ponte, o seu discípulo e futuro asasino (https://gl.wikipedia.org/wiki/Afonso_Eanes_do_Coton; consulta 14-06-2021).

[5]  Do total de 193 portadores do apelido Oanes en Galicia, 103 viven no concello de Vimianzo [Ana Isabel Boullón Agrelo / Xulio Sousa Fernández (dirs.): Cartografía dos apelidos de Galicia. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. https://ilg.usc.es/cag/Controlador?busca=OANES [Consultado o 14-06-2021].

[6] Unha polgada: “Medida de lonxitude equivalente á duodécima parte do pé [2,33 centímetros]” (Gran Dicionario Xerais da Lingua; Edicións Xerais, Vigo, 2009).

[7] https://www.proquest.com/openview/4a0bf08f497e87dba5768ed2af8fe89a/1?pq-origsite=gscholar&cbl=1819145 (consultado 14-06-2021).

[8] https://es.wikipedia.org/wiki/Pero_Meogo (consultado o 14-06-2021).

[9] Ana Isabel Boullón Agrelo / Xulio Sousa Fernández (dirs.): Cartografía dos apelidos de Galicia. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega: https://ilg.usc.es/cag/Controlador?busca=BOO [Consultado o 14-06-2021).

Mandas Testamentarias do Crego Fernando Martiz (Séc. XII)

Mandas Testamentarias do Crego Fernando Martiz (Séc. XII)

 

Monasterio de San Xusto de Toxos Outos
Fonte: https://www.galiciamaxica.eu/galicia/a-coruna/toxosoutos/

Ano 1166 (10 de marzo)

«Testamentum Fernandi Martini, clericus, de parte sua ecclesiarum 

Ego Fernandus Martini, in infirmitate mea positus, ordinaui qualiter res mee disponantur. Primo iubeo corpus meum duci ad monasterium Sancti Iusti et mando ibi mecum duos seruiciales, unum in Podenci et alium in Uimianço, bene munitos omni re, et meam partem duarum ecclesiarum de Sancto Petro de Brandimir et de Sancto Felice de Eirum, et tres equas et unum equum et tres uaccas, et de hoc paccare magistrum anime mee et huic ecclesia in qua moror, et cetera. Hec mandatio sit facta per manus monachorum Sancti Iusti et magistri mei Iohannis Petri de Arborensis ecclesie; et quicumque uoluerit rumpere reddat D solidos monasterio Sancti Iusti uel uoci mee. Qui presentes fuerunt: Petrus, ts. Pelagius,ts. Petrus, ts.

Era Ia CCa IIIIa et quodum sexto idus martii.

Ego Fernandus Martini in hac mandatione manus meas roboro et confirmo.

Ego suprior Sancti Iusti, conf. Petrus Oduari, conf. Magister meus, conf. Petrus Brandonias, conf. Johannes Didaci, conf.

Johannes qui notuit et conf.»

Testamento de Fernando Martiz, clérigo, relativo á súa parte das igrexas

Tradución de Juan Félix Neira Pérez (1)

Eu, Fernando Martiz, no meu estado de enfermidade, ordenei de que modo se dispoñan as miñas cousas. En primeiro lugar, mando que o meu corpo sexa conducido ao mosteiro de San Xusto e mando alí comigo a dous servidores, un de Pudenza e outro de Vimianzo, ben provistos de toda cousa, e a miña parte das dúas igrexas de San Pedro de Brandomil e de San Fins de Eirón, e tres eguas e un cabalo e tres vacas, e a partir disto pagar ao mestre da miña alma e a esta igrexa na que moro, etcétera. Este mandato sexa feito por medio dos monxes de San Xusto e do meu mestre Xoán Pérez da igrexa de Alborés; e quen quixera rompelo, entregue 500 sólidos (2) ao mosteiro de San Xusto ou á miña voz. Estes estiveron presentes: Pedro, testemuña; Paio, testemuña; Pedro, testemuña.

Era Mª CCª IIIIª e sexto día dos idus de marzo (3).

Eu, Fernando Martiz, rubrico e confirmo coas miñas mans este mandato.

Eu, superior de San Xusto, confirmo. Pedro ‘(fillo de) Odoario’, confirma. O meu mestre, confirma. Pedro Brandoñas, confirma. Xoán Díaz, confirma.

COMENTARIO Ó CONTIDO

Xosé Mª Lema

O 10 de marzo de 1166, o crego Fernando Martiz, sen dúbida párroco de San Pedro de Brandomil naqueles momentos, véndose enfermo, fai testamento para dispoñer onde debe ser enterrado o seu corpo e deixa bens para que se poidan cumprir tales disposicións. Como se aclara no encabezado, esta é só a parte do testamento relativa ó que lles deixa ás igrexas como legado (omítense as partes que lles deixa a outros herdeiros)..

Chama a atención que queira ser enterrado no mosteiro de San Xusto (de Toxos Outos), no actual concello de Lousame, situado a unha respectable distancia de Brandomil, a uns 20-25 km en liña recta. O eclesiástico debía ser de familia con posibles, pois o traslado do féretro (é de supoñer que nun carro) polos camiños e corredoiras da época aínda tiña que resultar custosa. Por outra parte, tampouco resultaba barata unha sepultura no camposanto dun mosteiro, e o de Toxos Outos era o máis importante da zona entre os vales do Tambre e do Xallas, con terras aforadas na terras da Maía, Noia, Xallas, Soneira e Bergantiños, como se aprecia no chamado Tombo de Toxos Outos (4).

A demostración de que era un eclesiástico de familia importante queda patente nos dous servidores que quere que acompañen o seu féretro, un de Pudenza (Brandomil) e outro de Vimianzo, “ben provistos de toda cousa”; conta tamén cun rico patrimonio de tres eguas, un cabalo e tres vacas para facer doazóns á igrexa de Brandomil -de onde era párroco, como dixemos- e á de San Fins de Eirón (onde seguramente nacera). Son sufraxios para que se digan misas pola salvación da súa alma, como era de esperar, que era a máxima preocupación cando se vía a morte preto.

COMENTARIO Á ONOMÁSTICA

O principal personaxe é o crego Fernando Martiz, o testamenteiro, que nos serve de exemplo para explicar a formación dos apelidos patronímicos na Idade Media.

Non se formaban coma agora engadindo o apelido paterno (ou o materno nalgúns casos), senón a partir do nome de pía do pai. Este documento está en latín aínda, pero cando empecen a redactarse no reino de Galicia no noso idioma, o galego (a partir do séc. XIII), o apelido formarase a partir do nome de pía do pai mais o sufixo -ez, que significaba e significa ‘fillo de’. Así será tamén en castelán e en portugués.

Deste xeito, neste documento en latín, a tradución ó pé da letra de Fernandus Martini sería “Fernando fillo de Martiño” e de Iohannis Petris “Xoán fillo de Pedro”, pero xa aplicamos a norma e facemos a substitución polo apelido que xa seguramente estaba en boca da xente, que xa non falaba latín senón o galego por aquela altura (do máis alto conde ó máis humilde labrego).

Deste xeito, transcribimos o apelido do cura como Martiz (derivado do nome propio galego Martiño ou Martín + –ez), e non Martínez, que é produto dunha castelanización moi posterior (polo menos do séc. XVII); e Iohannis Petris sería chamado Xoán Pérez e Iohannes Didaci Xoán Díaz.

Un caso especial é apelido dun dos confirmantes, Petrus Oduari: literalmente ‘Pedro (fillo) de Odoario’. Este nome, Odoarius, figura como nome propio en máis de trinta atestacións do Tombo de Toxos Outos (http://gmh.consellodacultura.gal/nc/buscador/resultados/metadato/2/), polo cal estaba claro que era un nome común na época, pero non formou apelido rematado en -ez que chegase ós nosos días.

Entre os confirmantes tamén se rexistra un con apelido de orixe toponímica: Petrus Brandonias ‘Pedro (de) Brandoñas’. Entre as testemuñas aparece, sen apelido, un Pelagius, que sería chamado Paio entre a veciñanza, nome moi común na Idade Media galega, pois san Paio fora un santo galego moi popular, neno de dez anos, decapitado na Córdoba musulmá no séc. X.

COMENTARIO Á TOPONIMIA

O monasterium Sancti Iusti é, sen dúbida, como xa adiantamos, o mosteiro da San Xusto de Toxos Outos (dáse por sobreentendido o topónimo, pois non había na redonda outro así chamado). Ademais de Uimianço ‘Vimianzo’ -con –ç– (cedilla), respondendo a como se pronunciaba- aparece tamén a forma latina medieval Brandimir (Brandomil), que se repite noutros documentos en latín dos séculos XII e XIII; tamén aparece noutros documentos destas centurias a forma latinizada Brandonias ‘Brandoñas’; Podenci é Pudenza (< latín *(VILLA) POTENTII, que ten a súa orixe no cognome latino POTENTIUS, que denota fortaleza); Sancto Felice de Eirum é San Fins de Eirón, parroquia que mantén aínda hoxe o haxiotopónimo de San Fins para o nome do lugar; e a Arboriensis ecclesie é, loxicamente, a igrexa de Alborés.


(1) Juan Félix Neira Pérez, ademais de escritor e historiador da arte, é profesor de Filoloxía Clásica no IES Eduardo Pondal de Ponteceso. Agradecémoslle a súa colaboración.

(2) Un sólido era unha antiga moeda romana que valía 25 denarios de ouro.

(3) Na data da era en números romanos do texto en latín faltaba a letra inicial M (‘mil’). Unha vez incorporada, aclaramos que MCCIIII (1204) correspóndese co ano 1166 co calendario da era cristiá. A era hispánica é o cómputo de anos que parte do ano 38 a.C. Usouna por vez primeira o historiador galaico-romano Hidacio de Chaves no ano 468, e instituíuse como cronoloxía oficial do reino visigodo de Toledo no ano 516; os reinos cristiáns peninsulares fórona abandonando nos séculos XIV e XV (Nota do tradutor).

(4) O Tombo de Toxos Outos é unha compilación documental realizada polos monxes do mosteiro de San Xusto de Toxos Outos (actual concello de Lousame) no séc. XIII, relacionada coas súas posesións (https://gl.wikipedia.org/wiki/Tombo_de_Toxos_Outos).