Arqueoloxía de Brandomil
Aras votivos de granito atopados en Brandomil
Parte importante dos restos arqueolóxicos aos que se refire o libro citado no apartado anterior Corpus de inscricións romanas de Galicia. I. Provincia da Coruña, hai tres altares votivos.

O primeiro foi consagrado ao deus Cosus, foi atopado arredor do ano 1880, actualmente atópase no museo da Catedral de Santiago de Compostela.

O segundo altar apareceu en 1955 e a partir dos datos da inscrición suponse que pertenceu a un liberto. Contiña dedicatorias relixiosas e un culto á Fortuna.

O terceiro altar votivo foi atopado arredor de 1885. A primeira liña de texto está bastante desgastada, pero aínda lexible e tamén se atopa actualmente no Museo Catedralicio de Santiago de Compostela.
Ademais dos altares, en 1939 atopouse un frontón dun monumento funerario de gran calidade. Na actualidade atópase en paradeiro descoñecido.
A última peza relevante recollida neste libro é unha placa funeraria de granito, cuxa conservación non é boa. Atópase no Museo do Pobo Galego.
Ademais destes elementos, tamén se atopou unha Estela que presenta unha lúa crecente, unha inscrición e un home espido de cabeza redonda e corpo desproporcionado sobre o que destacan o embigo e os órganos xenitais. Existen diferentes versións sobre onde se atopou esta Estela, dise que o lugar foi en Brandomil e outras fontes din que foi atopada en San Cosme de Antes, localidade situada a pouco máis de dous quilómetros, pero o importante desta peza son as súas dimensións, xa que cando as Estelas romanas tiñan un tamaño de pouco máis dun metro, neste caso supera os dous metros de altura.
Outros elementos atopados en Brandomil son os miliarios, polo menos un par deles, localizados nun caso durante a reconstrución da Ponte, derrubada por un temporal nos anos 90, e outro localizado mentres se estaban a realizar reformas nunha casa parroquial.
Pero a todos estes restos podemos sumar os centos deles que ou ben foron destruídos ou ben están en casas veciñais, con usos diversos.
