
Aras votivas de granito atopadas en Brandomil
Parte importante dos restos arqueolóxicos aos que se fan referencia no libro mencionado no apartado anterior Corpus de inscricións romanas de Galicia. I. Provincia da Coruña, son tres aras votivas.


A primeira foi consagrada ao deus Coso, foi atopada sobre o ano 1880, actualmente está no museo da Catedral de Santiago de Compostela.

A segunda ara apareceu no ano 1955 e polos datos de inscrición suponse que pertencía a un liberto. Contiña dedicatorias relixiosas e culto á fortuna.

A terceira ara votiva atopouse sobre o 1885, e igual que as dúas anteriores foi utilizada como material de construción. A primeira liña de texto está bastante desgastada, pero aínda así ten lexibilidade e tamén se atopa actualmente no Museo da Catedral de Santiago de Compostela.
Ademais das aras atopouse un frontón dun monumento funerario de gran calidade no ano 1939.

A última peza de relevancia que se recolle neste libro é unha placa funeraria de granito, cuxa conservación non é boa.

Ademais destes elementos tamén se atopou unha estela que presenta unha lúa en cuarto crecente, unha inscrición e un home espido de cabeza redonda e corpo desproporcionado sobre o que destacan o embigo e órganos xenitais. Hai diferentes versións sobre onde se atopou esta estela, fálase de que se atopou en Brandomil e outras fontes din que se atopou en San Cosme de Antes, vila situada a pouco máis de dous quilómetros de distancia, pero o importante desta peza son as súas dimensións, xa que cando as estelas romanas tiñan un tamaño de pouco máis dun metro, neste caso supera os dous metros de altura.

Outros elementos atopados en Brandomil son os miliarios, polo menos un par deles, localizados nun caso na reconstrución da ponte, derrubada por unha tormenta nos anos 90 e outro localizado mentres se realizaban as reformas dunha casa da parroquia.
Pero a todos estes restos podemos sumar centos deles que, ou ben se destruíron, ou ben están en casa dos veciños con usos varios.