A Ponte de Brandomil foi o lugar escollido para a segunda etapa do proxecto “Un Camiño de Lembranzas”, impulsado por Agadea (Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Demencia Tipo Alzhéimer). Este proxecto busca achegar o patrimonio do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía ás persoas con demencia, ás súas familias e á sociedade en xeral, reivindicando un Camiño máis accesible, inclusivo e comprometido.
No acto, que tivo lugar o sábado 4 de xullo, os representantes das distintas entidades deron a benvida aos participantes: o noso secretario Enrique E. Iglesias en nome da Fundación Brandomil e o alcalde, Manuel Muíño, en nome do Concello de Zas. Tivo lugar ademais unha interesante charla impartida polo físico e divulgador Jorge Mira en relación á eclipse solar que terá lugar o próximo mes de agosto e todo o evento estivo conducido polo presentador da CRTVG Emilio Guillín. Entre os participantes, ademais dos membros de Agadea, tamén se incluían membros da asociación ASPADEX de Cee.
Brandomil, como lugar de paso ao longo dos milenios foi considerado como o sitio ideal para esta xornada e desde este punto se promoveron os valores da inclusividade no Camiño de Santiago e o compromiso cos elementos patrimoniais cos que se vincula nas súas distintas rutas.
